Arquivo da categoría: 3.1. FOTOTRAMPEO BAIXO MIÑO

Recolonización do esteiro do Río Miño pola lontra (Lutra lutra)

As entrevistas persoais sobre a distribución da fauna tamén forman parte do proxecto “Fototrampeo Baixo Miño” que dende o ano 2013 desenvolve ANABAM. Nesta ocasión vimos de presentar os resultados obtidos a trabés de entrevistas sobre a recolonización do esteiro do Miño pola lontra no VIII Simpósio Ibérico sobre a bacia hidrográfica do Rio Minho celebrado entre os días 4 e 5 de novenbro de 2016 en Vila Nova de Cerveira (Portugal).

A lontra foi unha especie amplamente distribuída na Península Ibérica ata mediados do século vinte.  Neste traballo, a través dunha serie de entrevistas persoais desenvolvidas de 2012 a 2016, caracterizamos o proceso de recolonización do esteiro do Río Miño pola especie. Os resultados obtidos confirman que a participación activa dos diferentes actores resulta unha ferramenta chave na conservación de especies ameazadas. Un total de 24 citas foron recollidas nestes catro anos de traballo. Os testemuños dan conta dos derradeiros exemplares abatidos na segunda metade do século vinte. Así mesmo, dende o ano 2011 a especie comezou un proceso de recolonización que se completou no ano 2015. Dende 2013 tense coñecemento da reprodución, rexistrándose unha taxa de recolonización de 4,7 km·ano-1. A recolonización do esteiro do Río Miño poido acontecer a partir de poboacións existentes no norte de Portugal grazas a unha mellora na calidade do hábitat, o cese da presión cinexética e/ou á facilitación por especies exóticas invasivas (e.g. Procambarus clarkii) que constitúen unha importante fonte de alimentación.

noe_ferreira_rodriguez_anabam_2016

EN ELABORACIÓN O INFORME DO PROXECTO “FOTOTRAMPEO BAIXO MIÑO”

Os primeiros datos analizados amosan como apenas o 12,5% do territorio do Baixo Miño conserva especies forestais autóctonas. Unha degradación do hábitat que, entre outros factores asociados á actividade humana, levou a moitas das especies a una situación límite ou mesmo a desaparecer do nosos montes.

martesfoina

O XERMEN DO PROXECTO “FOTOTRAMPEO BAIXO MIÑO”

ANABAM levou a cabo as primeiras experiencias co fototrampeo no ano 2013 cando a asociación adquiriu un equipo para dedicalo ao proxecto de protección dos niños de Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) en Portugal.

100_2857Primeiro equipo de fototramepo adquirido por ANABAM no ano 2013. Cámara Scoutguard SG-570V de 5 MP.

Grazas a utilización desta (para nós) nova técnica de estudo da natureza, foi posible determinar a causa da desaparición de moitos dos niños de Píllara na Praia de Moledo (Caminha), recollendo imaxes de ratas (Rattus norvegicus) nas proximidades dos niños e, evidenciando aos responsables do grande fracaso que estaba a ter as niñadas no nomeado areal.

Logo desta primeira experiencia o equipo de traballo comezou a toma de contacto coa, por aquel entón, única cámara coa que contaba a entidade, espertando un crecente interese pola técnica e polas posibilidades que podería ter no estudo da biodiversidade da comarca do Baixo Miño.

Deste xeito, tras sucesivas reunións e un sen fin de mensaxes, decídese a finais do inverno de 2014 por en marcha un ambicioso proxecto de estudo da fauna, principalmente mamíferos carnívoros, dos cinco concellos que integran a comarca do Baixo Miño.

Algunhas das fotografías obtidas entre a vexetación dunar das praias do norte de Portugal durante o Projeto Borrelho 2013:

IMAG0008 (2)

Raposo (Vulpes vulpes) na Praia de Moledo capturado polo equipo de fototrampeo na tempada reprodutora 2013 da Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus)

IMAG0012 (2)

Fugaz paso dunha xeneta (Genetta genetta) fronte ao equipo na mesma Praia de Moledo (Caminha-Portugal)

IMAG0017Paporrubio (Erithacus rubecula) na Praia de Afife.

O PROXECTO FOTOTRAMPEO BAIXO MIÑO

O proxecto “Fototrampeo Baixo Miño” ten por obxectivo afondar no coñecemento da biodiversidade do Baixo Miño, concretamente no grupo representado polos mamíferos carnívoros e, que polos seus hábitos, resultan máis difíciles de estudar de xeito directo.

O proxecto inicial ten una duración dun ano, dende marzo de 2014 ata o mesmo mes do ano 2015, neste tempo preténdese coñecer as especies de carnívoros presentes na comarca, a súa área de distribución e frecuencia.

Na comarca seleccionáronse un total de 388 puntos de mostraxe coincidentes coas cuadrículas (1 km2)  en que se repartiu o territorio.  Para a colocación dos equipos de fototrampeo as cuadrículas repartíronse en grupos de catro asignando cada una delas a unha estación do ano.

Para a “captura” da fauna cóntase cun total de 8 equipos de fototrampeo que se manteñen en cada punto durante cinco días. Neste tempo de actividade se recollen as imaxes non só das especies obxecto de estudo, senón de toda aquela fauna que, atraída polo isco oloroso de aceite de sardiñas enlatadas ou de xeito accidental, pasa por diante do campo de acción dos equipos.

IMG_0301

Cámara de fototrampeo na localización onde pasará cinco días ata que os datos sexan recollidos e a cámara se coloque nun novo punto.